Sunday 19 de May de 2024

Nava Castro presenta o destino Galicia a un nutrido grupo de profesionais do turismo de Portugal nun evento único en Porto


No que vai de ano, máis de 35.000 peregrinos chegaron a Compostela por esta ruta, o que representa case o 15% do total, sendo o segundo camiño máis transcorrido

A directora de Turismo de Galicia participou en “A noite de Galicia en Porto”, un evento único que tivo lugar no Centro de Congresos Alfândega e congregou a un nutrido grupo de profesionais do Turismo de Portugal.

O acto, organizado por Turismo de Galicia e o Clúster de Turismo de Galicia, trasladou a esencia da nosa comunidade por unha noite ao noso país veciño, Portugal, nunha cidade especialmente vinculada á cultura galega, con excelentes conexións con Galicia e un perfil de turista que se decanta pola nosa comunidade como destino de forma tradicional nas súas escapadas habituais.

A directora de Turismo de Galicia destacou, durante o encontro, o Camiño de Santiago na súa vertente portuguesa como un dos piares fundamentais da unión entre Galicia e Portugal. “A extraordinaria riqueza monumental e paisaxística desta ruta atrae cada ano a milleiros de peregrinos que converteron xa a este itinerario nun dos máis transitados”, afirmou Nava Castro.

Na actualidade o número de peregrinos que realizan o Camiño Portugués está a rexistrar un gran aumento. Santiago de Compostela recibiu no que vai de ano, máis de 35.000 peregrinos procedentes desta ruta, o que representa case o 15% do total dos peregrinos que fixeron o Camiño.

Así mesmo, a directora de Turismo de Galicia sinalou que Portugal é un dos países estranxeiros que máis peregrinos aporta cada ano xunto con Alemaña e Italia. Xunto estes tres países, o ano pasado o Camiño acolleu peregrinos de máis de 150 países diferentes destacando por exemplo os procedentes de Estados Unidos, Francia, Canadá, Australia, Holanda, Corea, México, Xapón, Sudáfrica, China, Lituania, Filipinas, Israel, Nixeria, Namibia, Cuba, Moldavia, Islandia, Zambia ou Haití.

Neste senso, Nava Castro incidiu en que é unha ruta en plena actualidade que constitúe a icona turística diferencial de Galicia. “Un produto que posiciona a Galicia como marca e como destino único no mundo”, afirmou.

A directora de Turismo de Galicia lembrou a celebración do VIII Centenario da Peregrinación de San Francisco de Asís a Santiago, “un evento histórico que quere simbolizar o agradecemento de Galicia a todos os que viven e senten o Camiño”. “Sen dubida, é un gran ano para facer o Camiño”, afirmou.

Nava Castro, salientou tamén a natureza, o termalismo, a gastronomía, a cultura e o patrimonio como principais atractivos turísticos de Galicia.

A directora galega de Turismo concluíu agradecendo ao Clúster de Turismo de Galicia o seu traballo “eficiente, profesional e competitivo no posicionamento Galicia” e a todos os profesionais de turismo de Portugal a súa intensa colaboración na difusión da nosa comunidade como destino turístico.

Durante o acto, os asistentes puideron disfrutar da gastronomía, da música e do ambiente único da nosa comunidade cuns embaixadores galegos de excepción: os artistas galegos Eladio y los Seres Queridos e o cociñeiro estrela Michelin e triplo Sol Repsol, Pepe Solla.